Visibilizar as mulleres na ciencia

AG.- Darlles visibilidade ás mulleres no ámbito científico é un obxectivo transversal da Unidade de Cultura Científica (UCC) do CSIC en Galicia que vai mais alá das celebracións anuais e está fondamente arraigado no facer diario da Unidade. O resultado é tanxible. Está nos recursos e materiais didácticos, na filosofía das accións, na linguaxe dos textos… e inclúe as investigadoras de ciencias experimentais e ciencias humanas, pero tamén as mulleres que desenvolven actividades técnicas ou de apoio á investigación

En 2012 estreamos no CULTURGAL a obra de teatro científico “Que traballo tan curioso!”  dirixida ao alumnado de Educación Primaria e ao público familiar. A peza ten, entre outros obxectivos, o de lle dar visibilidade á muller na ciencia e chegou desde a súa estrea, a máis de 10.000 persoas.

A primeira parte da peza está dedicada ás vocacións e nela establécese un diálogo co público: “A quen lle gustaría ser futbolista de maior?” Ata hai 8 anos aproximadamente  case a totalidade dos nenos respondían entusiasmados que querían ser futbolistas. Pero… que ten o fútbol que esperta semellantes paixóns entre a mocidade?

 

En España e en moitos países do mundo é o deporte por excelencia. De acordo coas estatísticas do Ministerio de Cultura y Deporte para o ano 2019, é a actividade deportiva con maior número de licenzas federativas en España con preto de 1,1 millóns. Os xogadores dos grandes equipos gañan cifras astronómicas que fan medrar ata o impensable a fenda salarial entre un traballador normal, incluso ben cualificado, e un futbolista profesional. Teñen milleiros de seguidores, recoñecemento social, espazo propio nos telexornais de todas as cadeas, etc.  Espertan admiración e son para moitos nenos, referentes.

A muller científica mais coñecida de todos os tempos é Marie Curie, unha mente prodixiosa, a primeira persoa no mundo que recibiu dous Premios Nobel en distintas categorías, física e química. A súa figura é traballada con moita probabilidade, en centros educativos de todo mundo. Pero… podemos dicir que Marie é un referente? Que a súa vida esperta vocacións? E a de Rosalind Franklin? E a vida de Margarita Salas? Queren as nenas ser coma elas? Pois é probable que non.

A clave pode estar na construción social dos referentes. Seguindo co exemplo do fútbol, Pelé está considerado como o mellor futbolista da historia pero a xente nova non se ve reflectida nel e aspira a ser como Messi, Cristiano Ronaldo, Neymar…

Se aplicamos a mesma lóxica na ciencia e concretamente na ciencia en feminino, Marie podería ser o equivalente a Pelé pero… quen son as científicas referentes na actualidade? Onde están as mulleres que hoxe en día traballan a alto nivel en investigación?  Habelas hainas, pero son pouco ou nada coñecidas.

Necesitamos referentes femininos nos que as cativas se poidan ver identificadas, unhas cantas “Messi” da ciencia que sexan boas profesionais, que aparezan nos medios de comunicación e idealmente que sexan activas nas redes sociais.

Conseguilo non é doado e o primeiro paso ten que vir das institucións científicas para as que traballan. Son necesarias medidas a todos os niveis para que as cifras se igualen en todas as escalas. Aplicando criterios de discriminación positiva que axuden a aumentar a presenza das mulleres no Sistema de IDI, con medidas que apoien a maternidade, coa flexibilidade laboral para alcanzar unha conciliación real, facilitando a promoción profesional, coa constitución de tribunais paritarios, etc.

Estas medidas axudarían a eliminar o chamado “teito de cristal” ou “as gráficas en tesoira” e probablemente habería mais científicas, con maiores responsabilidades e polo tanto, maior visibilidade nos medios de comunicación.

Outra interesante e valente opción polo medio, sería tirar da ficción e crear por exemplo, unha serie de televisión sobre ciencia cun coidado asesoramento, escapando dos estereotipos e con personaxes estudiadas que transmitan a realidade do traballo de investigación. Desde hai tempo hai estudos que demostran que series como “Periodistas”, “Hospital Central”, “House”, “C.S.I.”, “The Big Bang Theory”… engancharon o público, amosaron o día a día dalgunhas profesións, espertando vocacións que tiveron efectos sobre as matrículas de determinadas titulacións.

Mentres non chega a chamada de NETFLIX para facer a serie, desde a UCC do CSIC en Galicia seguiremos dándolles visibilidade ás investigadoras e falando de científicas de carne e óso.

PÍLULAS CSIC DE COÑECEMENTO con @RonyFlamingo: Artista Shooting star co tema “Movementos orbitais”.

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *