Unha señorita Bubble non vos é calquera cousa! (A Señorita Bubble. Ledicia Costas)

AG.- Colaboración de Gracia Santórum.

Cremos que é unha sorte ter libros coma este para ler na nosa lingua. Unha señorita Bubble non vos é calquera cousa! Convidámosvos a coñecela, tanto a primeira entrega como a segunda.

Esta muller, traballadora e divertida, é asemade unha científica afouta, independente, sensible e intelixente que nos fará pasar momentos ben agradables na súa compañía.

Porque… cantas mulleres científicas coñecedes? Se mirades os vosos libros de Ciencias, de Coñecemento do Medio, de Naturais… cantas mulleres destacadas da ciencia están entre as súas páxinas?

Por iso, convidámosvos a pescudar sobre este tema. Hai un montón! Mulleres científicas das que apenas sabemos nada polo mero feito de seren invisibilizadas pola súa condición de mulleres. Así que dade unha volta e procurade algunha muller científica. Non teredes que ir moi lonxe. Aquí en Galicia hai unhas cantas. Sabiades, por exemplo, que a inventora do libro electrónico é unha muller galega? Si, deixádevos sorprender pola información…

A segunda entrega das andanzas da Señorita Bubble ( A Señorita Bubble. Baixo cero) lévanos ao Polo Norte. Brrrrr, que frío! Nesta lectura veredes como os pingüíns piden axuda para marchar á súa casa, o Polo Sur. Pero… por que non viven no Polo Norte se vai igual de frío??? Busca que animais teñen o seu hábitat en cada polo. Que interesante!


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *