Un Ulises e unha Penélope de hoxe

AG.- Margarita Fernández Gómez, á que o seu alumnado chama Margot, proponnos unha revisión das personaxes clásicas Ulises  e Penélope.

Ulises, Odiseo para os gregos, foi un heroe da famosa guerra de Troia. Após a derrota dos troianos, iniciou unha viaxe de dez anos de volta para Ítaca, onde a súa muller, Penélope, o espera cunha fidelidade obstinada, a pesar da demora. Esa viaxe mereceu a creación por Homero do poema épico A Odisea, no cal se narran as aventuras e desventuras de Odiseo (ou Ulises) e a súa tripulación desde que deixan Troia, algunhas causadas por eles e outras grazas á intervención dos deuses.

Estas personalidades mitolóxicas foron obxecto, dende a Antigüidade, de numerosas reinterpretacións e Margot ofrécenos algunhas moi interesantes que podemos descubrir agora:

– A lectura de Son de Mar, de Manuel Vicent, unha obriña (falo de “obriña” debido ás súas dimensións físicas) na que o seu autor reinventa o mito de Ulises e Penélope.

– A película dos irmáns Coen, O brother, where art thou? considerada unha sátira moderna da Odisea, na que un brillante Geroge Clooney acércanos a un peculiar Ulises.

– A canción da fadista Misia que canta a Penélope, e que nos brinda unha visión desta muller moi afastada da que nos proporcionan as fontes clásicas gregas e mais latinas. Escoitade a canción e gozade con ela; a súa letra en portugués non debe entrañar dificultade algunha para vós. O grego Ulises pasa por ser o fundador mítico de Olissipona, palabra coa que o latín vulgar denominaba a actual Lisboa.

-E o noso querido Álvaro Cunqueiro tamén se sentiu atraído por esta personaxe escribindo As mocedades de Ulises.

Animámosvos a facer a vosa interpretación do mito. Unha imaxe, unha canción, un poema, unha narración, un diálogo, no que Ulises ou Penélope sexan as protagonistas.

 


2 comentarios en «Un Ulises e unha Penélope de hoxe»

  • 22 Maio 2020 ás 10:08
    Ligazón permanente

    O artigo está moi ben . So querería suxerir un par de cousas para engadir. Nesa revisión moderna das figuras de Penélope e Ulises, penso que non debería faltar “Circe e o pracer do azul” de Begoña Caamaño. E nas cancións está tamén a Penélope de Joan Manuel Serrat.
    Un saúdo

    Resposta
    • 22 Maio 2020 ás 10:26
      Ligazón permanente

      Grazas pola aportación María! Queda anotado. Por suposto que hai millóns de referencias e actualizacións destas personaxes que non puidemos incluír aquí. Grazas de novo.

      Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *