Teledocencia: indicacións e trucos (I)

AG.- Vai avanzando o curso e, para seguirmos mellorando, imos facer unha serie de publicacións de aspectos que se deben ter en conta.

Xurxo Fernández-Nóvoa achéganos unha serie de propostas.

1 – Configuramos en galego a nosa conta de correo.

A primeira ten que ver co correo electrónico e o primeiro que temos que facer é configuralo en galego, se non o fixemos xa:

Todo o profesorado dispón dun correo corporativo da Consellaría de Educación que ten a obriga de consultar porque é o principal medio de comunicación entre nós e os nosos centros e a Consellería. Os seus enderezos rematan en @edu.xunta.gal

2 – Netetiqueta co noso alumnado

A segunda proposta fai referencia ao xeito de enviar as nosas mensaxes de maneira que sexan ben recibidas:

Identificación do profesorado: o noso alumnado debe recibir as nosas mensaxes ou ben dende o correo corporativo ou ben dende outra conta (pensemos que estamos traballando con Google Classroom) na que sempre ten que estar clara a nosa identificación con nome e apelidos.

Do mesmo xeito, cando non se teñan contas de correo de centro (como as que lle fan algúns centros educativos ao seu alumnado) debemos esixirlle ao noso alumnado (se ten a idade abonda) unha conta con identificación plena, isto é, na que nome real e apelidos aparezan como usuario do tipo nomeapelidos@dominio, é importante que se acostumen a saber que hoxe precisamos unha conta de traballo e/ou estudos, independentemente doutras contas que poidamos ter para a nosa vida privada.

Nome e grupo no asunto do correo: é vital que cada alumna/o se presente cando se comunique co profesorado, indicando nome completo e grupo, preferibelmente no asunto do correo. Esta necesidade aínda é moito maior cando non escribides desde enderezos electrónicos propios. Exemplo: Antón Pereira Souto-2oC. Tarefas abril.

Correos con arquivos adxuntos: na medida do posíbel, intentade enviar as tarefas e arquivos anexos nun correo electrónico, ou no menor número deles. É dicir, se tendes que enviar 5 exercicios, evitade enviar 5 correos electrónicos; o axeitado é enviardes 1 correo cos 5 adxuntos. Como podemos tentar enviar oitos anexos nun só correo?

➢ Se usas Gmail, e os adxuntos que envías “ocupan” moito, automaticamente enviaranse os arquivos a través dunha ligazón a Drive, que é un comparto en liña (unha especie de nube).

➢ Se tes varias imaxes, en formato PDF podes “unilas”. Con este programa en liña e de balde, podes unir, separar e facer un lote de cousas: https://www.ilovepdf.com/pt. Hai moitos programas semellantes, podes optar polo que máis che preste.

Non esquezas procurar en spam se non dás atopado algunha mensaxe que teoricamente xa che foi enviada por alguén.

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *