Resumo do 3.º Evento de Aulas Galegas en YouTube

AG.- Hoxe publicamos o resumo do 3.º Evento de Aulas Galegas en YouTube que se celebrou o pasado 30 de abril.

Nese encontro virtual tivemos a oportunidade de coñecer tres seccións que conforman Aulas Galegas e comentar coas súas coordinadoras as particularidades de cada unha das seccións. Ademais puidemos contar con Soledad Felloza para presentarnos a 1ª edición do concurso de narrativa sonora Ouvea o Lobo, unha proposta da sección Mares de Cultura. 

Se non tiveches a oportunidade de participar en directo, aínda podes acceder ao evento para miralo con calma. Velaquí tes a ligazón directa ao vídeo na nosa canle de YouTube.

As participantes tiveron a oportunidade de achegar as súas respostas e comentarios sobre cada unha das preguntas expostas. Comezou Soledad Felloza convidando á rapazada e ás familias  a participar no concurso, falounos de historias de lobos e gozamos dun relato contado por ela mesmo que podedes ver tamén no seu video de presentación. 

A continuación Susana Vázquez presentou a sección de Ciencias Experimentais e da súa man coñecimos aos seus colaboradores. Profesores e profesoras de bioloxía, física, química, e mesmo asociacións e  investigadores de importantes universidadese. Susana, no seu video, mostrounos o seu laboratorio de Física e química na cociña da súa casa. Quedamos abraiados coa cantidade de cousas que podemos aprender con produtos do día a día. 

Arancha e Pepa falaron da súa sección de 1º e 2º nivel de educación Primaria. Como boas mestras fixeron fincapé nos recursos que compartían. Recursos de calidade que tenden a buscar a creatividade e a interdisciplinariedade. 

Por último, tivemos o pracer de coñecer a Raquel, que nos presentou a súa sección de Inglés en secundaria. Raquel trouxo unha sorpresa desde Reino Unido porque mesmo a raíña Isabel, segundo nos mostraron no video, estaba ao tanto do nacemento e traxectoria do noso portal. Unha moi boa nova. Raquel, destacou a importancia de empregar o galego para achegarse á lingua inglesa. Fixo fincapé na boa sintonía da equipa que procura buscar e compartir recursos interesantes, atractivos, interactivos e de gran calidade. 

Entre todos e todas orixinouse un interesante ambiente de debat e no que tamén houbo tempo para contestar algunha pregunta dos asistentes. 

Dende aquí agradecémoslles enormemente a participación. Moitas grazas ao público asistente polos comentarios e achegas. A todas e todos, convidámosvos ao seguinte evento a vindeira semana.

Equipo de Dinamización de Redes Sociais de Aulas Galegas. #aulasgalegas #SecciónsAG


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *