Primavera de Venus, homenaxe a Manuel María

Nova receita da man de BOLBORETAS NO BANDULLO!

Ingredientes (para 2 persoas):

  • 500 gr de mexillóns
  • 1 pataca cocida
  • 1/2 leituga rizada
  • 1/2 pemento vermello
  • 1/2 cebola
Para a vinagreta francesa:
  • 1/4 de taza de aceite
  • O zume de medio limón
  • 1 chisco de azucre moreno
  • 1 chisco de sal
Utensilios: mandolina (ou táboa e coitelo, unha pota e unha fonte para presentar.

Elaboración:

Para comezarmos, temos de limpar os mexillóns. Despois abrímolos, para iso botámolos nunha bota cun chisco de auga. Entre os produtos de tempada, decidimos incorporar os mexillóns porque neles vemos representado esa Venus e tamén actuando como elemento do mar que adoraba. A pesar de non ser capaz nunca de se meter en ningunha praia, desfrutaba coa contemplación do xigante azulado.

Volto a soñar co mar outra vegada.
O mar é azul baixo un ceio
tamén azul como a esperanza.
O mar é un soño doce
que frolece nesta noite de maio
na que o milagre máis marabilloso
se pode cumprir doadamente.
As escumas son brancas, brancas,
maxicamente brancas.
E o rumor das ondas,
soñadas e lonxanas,
arrola docemente a miña alma.

 

A continuación facemos a vinagreta. Para iso, mesturamos o aceite co limón, o azucre e o sal.

 

Despois, lavamos a leituga; cortamos a cebola e o pemento coa mandolina, ou finamente cun coitelo; e cortamos a pataca en dados. E a pataca na ensalada por que? Pois porque a pataca da Terra Chá non é pataca calquera e porque el tena valorado como alimento de humanos e animais:

As patacas
Os días de Setembro xa mediaron.
Coñécese nas tardes que baixaron.
Ás mañás comeza a facer frío
e son grandes as pingotas de resío.
-Hai que ir xunguindo as vacas
e comezar a apaña das patacas.
Hai patacas cazonas e mariñas;
grandes, pequenas, mareliñas.
Pra apañalas sofren os cadrís.
Estas, cor viño, son as do país
que case non pagaron a semente:
¡van cansadas! As da xente
son as grandes. As dos ganados
van da terra en sacos separados.
¡Aínda que non dean cartos, as patacas
ceban os porcos e fan medrar as vacas!
 Colocamos a leituga no fondo da fonte e, nos lados, o pemento, a cebola e a pataca cocida. Xusto no centro, os mexillóns cocidos.
Aliñamos coa vinagreta.
E xa estaría preparada para comer! Que aproveite! E que mellor xeito de a desfrutarmos que coas lecturas do autor?