POESÍA MÍNIMA de Helena Villar Janeiro.

AG.- Un pequeno poemario trilingüe (galego, castelán, inglés) da nosa decana poeta Helena Villar Janeiro -pequeno en espazo mais non en contido, forma e fermosura- cunha moi delicada edición da Editorial Alvarellos convídanos a achegarnos aos elementos da natureza en clave de haikus e imaxes. A simbiose de palabra poética e imaxe aporta datos interpretativos que axudan a completar as mensaxes breves e condensadas nos haikus.

Os haikus son poemas breves de tres versos (de 5, 7 e 5 sílabas) que teñen a súa orixe en Xapón e que nos achegan a momentos máxicos que se suceden na natureza; a nosa poeta domina a técnica e combina con mestría estas estrofas simbólicas con fotografías tamén da súa autoría. Sincretismo de texto e imaxe, expresividade, imaxes e sensibilidade fan deste poemario unha delicia.

A nosa proposta didáctica a partir da lectura de Poesía mínima é que vos animedes a atopar haikus agochados nos poemas doutros e doutras poetas da literatura galega (deben ser versos descritivos arredor de imaxes da natureza), logo, coma Helena Villar Janeiro podedes ilustralos cun deseño ou acompañalos cunha fotografía para completar a súa interpretación, iso si, sempre, deseño ou fotografía da vosa autoría. Agora que se achega a primavera, a natureza e a poesía irán da man para o goce dos nosos sentidos, feliz camiño.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *