“O peixiño de prata”, un conto inédito de Antonio M. Fraga

 

AG.- O escritor eumés Antonio M. Fraga agasalla a Aulas Galegas con este relato inédito, ideal para estes días. Porque aínda que ti pensas que devoras moitos libros, de seguro que non o fas. Queres saber por que?

O PEIXIÑO DE PRATA

Pensas que devoras libros? Pois non o fas! Se cadra les moitos libros; talvez te enganches a unha historia até moi tarde, lendo debaixo da saba cunha lanterna; ou te emociones tanto que nin sequera escoites a túa nai cando che fala. Todo iso admítoo. Mais devorar libros? Non, iso non o fas. E seino porque eu si que os devoro. Así como cho conto. E non penses que son un ser máxico sacado dunha historia fantástica. Nin moito menos! Son real como a maionesa, os xerseis de la ou as bicicletas. Tan real que pode que, neste intre, estea na túa casa, vivindo contigo. Imaxíname rebulindo entre os teus libros, corricando entre as páxinas, elixindo o máis tenro para cear esta noite… Inquietante, non si?

Queres saber o que son? Pois son un insecto que mide menos de un centímetro de lonxitude e que se alimenta de libros, tanto do seu papel como da cola para encadernalos. Teño moitísimos nomes, mais a min o que máis me presta é “peixiño de prata”. Malia ese nome, non son un peixe, aínda que si teño pequenas escamas que ficarían pegadas aos teus dedos se puideses alcanzarme, pois móvome a unha velocidade incrible. Tampouco son de prata, xa quixese! Así que, ben pensado, o meu nome contén dúas trolas.

Como? Que aínda non cres na miña existencia? Iso é porque nunca me viches, xa que fuxo da luz e prefiro ocultarme nos recunchos máis escuros da túa biblioteca. Vouche dicir  como son para que poidas imaxinarme: teño o corpo longo, con forma de cenoria. Na cabeza médranme un par de antenas e da barriga sáenme tres colas. Non poñas esa cara de espanto. A ver se pensas que ti es unha beleza!

E coido que xa falei abondo de min. É tarde e teño que ir cear unha novela de piratas. Porén, antes de me despedir, quero darche un bo consello: non te esquezas dos teus libros favoritos! Os libros que adoito papar son os que fican tempo e tempo pousados nos andeis, sen ninguén que lles faga caso. Así que se non queres que os devore, lémbrate deles de cando en vez. Sácaos da libraría, aloumíñaos, fálalles, léeos de novo… Asegúroche que ese é o mellor xeito de protexelos da miña voracidade!

Asinado,

O Peixiño de Prata

 


4 comentarios en «“O peixiño de prata”, un conto inédito de Antonio M. Fraga»

  • 28 Abril 2020 ás 11:01
    Ligazón permanente

    Este conto trata sobre un escarabello, ao que lle chaman de moitas formas pero como mais lle gusta que lle chamen e: peixiño de prata. Peixiño de prata alimentase de libros e, se te motos libros e non os sacas do seu sitio de vez en cando… podes despedirte deles xa que o peixiño de prata vai comelos todos

    Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *