O lapbook de Ricardo Carvhalo Calero

AG.- Laura Vázquez García invítanos a ser coautores dun conto con Carvalho Calero. Non vos parece xenial? Non todo o mundo pode dicir que foi quen de escribir un conto en colaboración co autor ao que lle dedicamos as letras este ano. Éche un privilexio!

A palabra lapbook provén do inglés e literalmente traducido sería “libro con  lapelas”. Un lapbook é un tipo de libro en cartolina que se usa para presentar información sobre un tema.
Dentro dun lapbook colocamos lapelas ou sobres que podemos abrir e así descubrimos moita información en forma de fotos, tarxetas, debuxos, imaxes…  para expoñer un tema específico.
Nesta ocasión o lapbook que propoñemos é a creación dun conto baseándonos nun relato de Ricardo Carvalho Calero. Escollemos a introdución dun relato do noso autor e poñemos a cabeza a crear!

Faremos unha portada que levará como título: Letras galegas 2020, Ricardo Carvalho Calero. Podedes acompañar esta portada coa biografía do autor e/ou un debuxo.

Nas páxinas interiores van uns sobres con tarxetas nas que escribimos os elementos da nosa historia:
•       As personaxes. Poremos tres tarxetas:

– unha para a protagonista,

-outra para as secundarias e

-outra para a antagonista (o inimigo).
•       Marco. Aquí colocaremos dúas tarxetas máis:

-unha para o tempo da nosa historia (por exemplo, durante un inverno, no ano 1982…)

-e outra para o espazo (por exemplo: un monte, un castelo…)
•       Conflito. Cal é o problema que xorde?
•       Final. Como se resolve?

Na outra folla colocaremos as tres partes da historia: INTRODUCIÓN, NÓ E DESENLACE.  Para iso, dividimos un folio en tres partes e recortámolas (sen chegar á fin). Así quedarannos tres lapelas.

1. INTRODUCIÓN: a introdución é a parte inicial onde se presenta a historia, preséntanse as personaxes e o propósito de cada unha. Nós eliximos a obra Os catro de Ricardo Carvalho Calero:
“Eu queríalles moito aos meus tres irmáns, e sendo como era o primoxénito, dábame diante deles un certo ar inofensivo de persoa maior. No colexio levaba moi boas notas. Gustaba de saír de paseo con meu pai, e facíalle constantemente preguntas. Tomaba moi en serio o que me ensinaban, e cría que todo aquilo era moi útil. Levaba camiño de ser un sabio, e non un home de negocios. Mais, a dicir verdade, aquela a miña verdadeira arela era ser xeneral. Non tiña moitos amigos, e pasaba gran parte dos domingos nun faiado da casa, acoitelando cun bastón un sofá vello. A guerra, para min, era inseparable da esgrima.”


2. NÓ: aquí entras ti. Tes que escribir o nó da aventura que comezou a escribir o noso autor. O nó é a sección que presenta o conflito, onde toman forma e suceden os feitos máis relevantes da historia. O nó é a parte media do conto, que nace a partir da alteración ou da ruptura do exposto na introdución.

3. DESENLACE: agora remata o conto. O desenlace é a parte final onde se resolve o problema exposto entre as personaxes. Sempre hai un desenlace, aínda que nos contos pode haber final aberto, e pode ser ou non un final feliz.
Lembrade que se empregades folios de cores queda máis organizado visualmente.

 

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *