O IFGAE, física de excelencia en Galicia colabora con Aulas Galegas

AG.- O IFGAE quere compartir con Aulas Galegas  o ciclo “Universo peregrino: ciencia galega cara ao mundo”, unha serie de conversas virtuais en galego organizadas polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela, destinadas tanto á comunidade local como á emigración. Nelas, o persoal investigador do IGFAE fará un percorrido por varios temas, dende a orixe do universo ata a astronomía de ondas gravitacionais, cun dobre obxectivo: achegar a ciencia que se fai neste centro a todo o público e, ao mesmo tempo, promover a rede entre Galicia e os galegos de distintos países.

Particularmente, quere compartila coa iniciativa Aulas Galegas para que o profesorado galego poida utilizalo como material de referencia e recurso para elaborar actividades de aula a partir de cada charla.

Este ciclo ten lugar todos os xoves de maio e xuño ás 16 horas (Madrid) para facilitar a participación de persoas en Latinoamérica.

 

O xoves 28 de maio ás 16:00 (hora de Madrid), o investigador do IGFAE, Héctor Alvarez Pol, fará unha breve revisión do mundo subatómico coa charla “Do corazón da materia ao interior das estrelas”, lembrándonos que todos somos po de estrelas e que, ás veces, atopar a orixe das cousas máis pequenas nas que se pode pensar require descubrir como nacen e morren as estrelas. E os mecanismos que inventamos no laboratorio para entender os misterios dos núcleos atómicos serven para diagnosticar e curar enfermidades.

Podes seguila en directo picando aquí, ou acceder despois a través da canle de YouTube do IGFAE.

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) é un centro de investigación conxunto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia; foi creado oficialmente o 2 de xullo de 1999. O seu obxectivo principal é coordinar e fomentar a investigación científica e técnica no campo da Física de Alta Enerxía, Física de Partículas e Nuclear e áreas relacionadas como Astrofísica, Física Médica, Instrumentación, etc. É tamén de particular relevancia a súa participación na planificación e promoción da relación con grandes instalacións experimentais, especialmente co CERN, GSI/FAIR, co Observatorio Pierre Auger e LIGO. 

Desde 2017 é Unidade de Excelencia “María de Maeztu”, único centro de Galicia con esta distinción do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades de España que identifica e promove a excelencia nos centros e unidades de investigación de vangarda. Tamén é un dos oito Centros Singulares de Investigación de Galicia, acreditación outorgada o 13 de decembro de 2019 pola Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia a través do programa da axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación do Sistema de Galicia (SUG).

Aquí vos queda o vídeo da charla.

 


2 thoughts on “O IFGAE, física de excelencia en Galicia colabora con Aulas Galegas

  • 28 Maio 2020 ás 14:26
    Permalink

    As charlas do IGFAE son unha marabilla, moi didácticas. Eu que son bióloga as sigo perfectamente e aprendendo un montón.

    Resposta
    • 7 Xuño 2020 ás 18:37
      Permalink

      Alegrámonos moito de que te gusten!

      Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *