“Non cantan os paxaros neste bosque”. Carlos Negro.

AG.- “ A vida é un relato que acontece, e que non sempre se explica

O acontece e non se explica é o tema central deste libro de relatos co que o poeta Carlos Negro nos agasalla quizabes coa finalidade de espertar os nosos sentidos, de facernos mover inquedos no asento, de revolvernos por dentro e espertar as inquedanzas, de romper a monotonía e atraernos cara o mundo do misterioso onde habitan os seres “ liviáns e translúcidos”.

No imaxinario galego, no terreo dos mitos e dos seres fantásticos de noso, son moi abondosos os modelos e arquetipos que espertan os nosos temores ante o descoñecido; os relatos de pantasmas transmitidos oralmente de xeración en xeración a carón da lareira nas longas noites do inverno, poboaron de sempre os nosos soños e enchéronnos de desacougo; o mundo da tecnoloxía e da luz seica quixo facelos desaparecer mais agora Carlos Negro recupéraos para nós, recreándoos e actualizándoos: podemos atopalos no museo de Lugo, no transporte escolar, na piscina dos colegas, no instituto ou no tren…

Dirixidos e protagonizados por adolescentes, estes relatos son proba de que eses seres fantasmagóricos permanecen ao noso redor dando fe dos nosos medos e inseguridades e non é preciso convocalos cunha “güija”… Carlos Negro xa os convocou para nós neste libro, para o noso desfrute.

E falando dos mitos e lendas do noso imaxinario, oral ou escrito, popular ou culto, convídovos a que busquedes en internet (na páxina da Galicia Encantada por exemplo) historias de fantasmas e espíritos do alén que se comunican con nós (lembro agora ao Melle de Loboso de Cunqueiro ou ao Esquelete do ollo de vidro de Castelao) e que llelas relatedes aos vosos compañeiros e compañeiras nunha sesión oral en común arredor dos contos de medo… e tede coidado “co que acontece por aí fóra


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *