Enigmas [III]: O inapetente David

AG.- Hoxe, un enigma que xurdiu dunha idea sinxela, mais que deu abondo de si. E non vou contar máis para non desvelar demasiadas pistas. Adiante! E bo proveito!

 

 

O inapetente David

David entrou no restaurante que visitaba a diario nas últimas semanas. Comida caseira a un prezo moi razoable. A camareira axiña percibiu en David o mesmo aire tristeiro e morriñento dos días anteriores. Leas no traballo? Mal de amores? Problemas de saúde? Quen sabe? Aos poucos minutos, sen mediar palabra, a camareira levou á mesa de David o prato que sempre pedía e que sempre malcomía: un lombo de pescada rebozado con patacas fritas. Como nos días anteriores, o cliente quedou ollando con desgana o xantar. Deixaríao intacto? No móbil de David soou entón o aviso dunha mensaxe de texto. Colleuno coa mesma inapetencia coa que ollaba para o peixe e leu. «COME HOME!», dicía a mensaxe. David deixou o prato como estaba, levantouse da mesa e marchou cun medio sorriso na cara.

Por que?

 

Solución ao enigma «A cea do gobernador» (27-4-2020): A resposta é 1 persoa. Imaxinemos que Fiz é o gobernador de Kgovjni. Como vemos coas frechas de cores do seguinte gráfico, cun único convidado poden cumprirse todas as relacións de parentesco expresadas no enigma. (1): O cuñado do seu pai. (2): O sogro do seu irmán. (3): O pai do seu cuñado. Así, o único convidado sería o seu tío Brais.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *