Contos por palabras. Agustín Fernández Paz.

AG.- Colaboración de Paloma Cons.

Os clásicos da LIX poden ser un bo recurso para as nosas lecturas compartidas. Moitas delas son de obrigado coñecemento, mais cando se producen cambios nas programacións podemos optar por outras máis novidosas. Pero significa isto que sexa a fin destas e da súa lectura? Por que non propoñelas igualmente cunha finalidade diferente?

Contos por palabras (Edicións Xerais de Galicia, S.A., Vigo, 3ª ed., 2ª imp. 2010, 152 pp.) de Augustín Fernández Paz é unha das lecturas que nos ofrece esta posibilidade. Este libro cargado de imaxinación, maxia e creatividade está formado por oito capítulos que se desenvolven a partir dos anuncios por palabras dos xornais. A súa orixinalidade fai que o alumnado se empape da fantasía e do coñecemento de seres propios da mitoloxía universal e tamén da mitoloxía galega como poden ser o unicornio ou o gatipedro. . Sempre dándolle unha volta á historia, poñendo a estes personaxes fantásticos en situacións cotiás, Agustín aproveita famosos personaxes de ficción, como Spiderman, para captar a atención do noso alumnado.

A nosa proposta didáctica a partir desta lectura é que animedes ao alumnado a crear o seu propio capítulo de contos por palabras. Partindo dun anuncio por palabras presente nun xornal (aluguer de propiedades inmobiliarias, ofertas de traballo, etc.), o alumnado poderá crear unha historia orixinal favorecendo o estímulo da súa imaxinación.

Precísase alumnado dilixente para creación de historias únicas! Contacto: Aulas Galegas.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *