Contos acumulativos

AG.- A nosa compañeira Patricia Pena achéganos esta entrada a partir do traballo de Paloma Fontán, mestra de Educación Infantil en formación.

Paloma Fontán fixo esta adaptación ilustrada e en galego do conto Veo, veo un ratón de Guido Van Genechten e publicado por Edelvives.

Trátase dun conto enfocado aos que están comezando a falar aínda que tamén lles gustará aos e ás que son un pouquiño  maiores, xa que este tipo de historias teñen o éxito asegurado.

A través das imaxes e o texto o autor vai xogando coas onomatopeas e o escrito de forma acumulativa e repetitiva, o que favorece a estimulación da linguaxe. As técnicas que utiliza son as mellores ferramentas para  desenvolver a memoria e discriminación auditiva e visual; a conciencia fonolóxica ao facer rimas e ao potenciar atención, pois enganchan aos nenos e nenas co seu ritmo na narración e permitíndoos participar e predicir o que vai acontecer na historia.

Adoita ser a través deste tipo de contos cando os pequenos e pequenas teñen as súas primeiras experiencias coa lectura e cos xogos da linguaxe. Ambos os dous aspectos son amosados por Paloma ao longo da súa “contada”. Ademais isto é o verdadeiramente importante, gozar tanto como lectora coma se es espectador.

Coñecedes máis libros que sigan este tipo de técnica creativa? Na imaxe deixámosvos algúns títulos clásicos da Editorial Kalandraka cos que de seguro pasaredes un anaco divertido. Ademais, podedes xogar a engadir pesonaxes nas vosas historias, a cambialos, a facer diferentes rimas e onomatopeas…

Agora que xa están abertas librarías e bibliotecas, bulide a por eles!

E, unha última recomendación, se nola permitides: se os ides mercar, lembrádevos das librarías de barrio, son as dos nosos veciños e veciñas e necesítannos.

 

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *