A miña liña vital

AG.- Unha Liña de Vida é un esquema sobre os acontecementos máis importantes da vida dunha persoa, ordenados cronoloxicamente, tal e como sucederon no tempo. 

Para creala, o primeiro que debedes facer é pensar nos momentos máis importantes da vosa vida. O primeiro está claro: o día do voso nacemento. É importante que saibades ben o día, o mes e o ano. Se tedes dúbidas, preguntade na casa. É unha data que a vosa familia nunca esquecerá!

Pero que outros datos podemos incluír? Pensade en cousas que nos aconteceron á maioría de nós: o día que arrincamos a falar ou andar, cando caeu o noso primeiro dente ou a data do primeiro día na escola. Algún de vós lembrarase do intre no que o irmán ou irmá menor chegou á casa, ou a data do cambio de casa ou de cidade… Pode haber moitos máis! 

Anotade todos os que consideredes e despois concretade cando pasaron, ou a idade que tiñades cando ocorreron. Unha vez que os teñades anotados, toca ordenalos cronoloxicamente. En primeiro lugar, o que sucedeu antes (este é doado, o día do voso nacemento) e despois ides colocando o resto ata chegar ao máis recente.

Por último, tedes que debuxar unha liña (de esquerda a dereita ou de arriba a abaixo) e ir situando os acontecementos en liñas ou puntos. Canto máis longa sexa, máis recordos teredes.

Animádesvos a facer a vosa? 

Liña vital da mestra Fátima Rúa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *