Ximnasio Léxico
AG.- Os que gozamos cos enredos e pasatempos lingüísticos estamos de festa co lanzamento do «Ximnasio Léxico», unha aplicación de xogos na que, ao parecer, a Real Academia Galega e a Fundación Barrié levaban dous anos traballando.
Baseado nos fondos do dicionario da Real Academia Galega, o «Ximnasio Léxico» ten como obxectivo ampliar e afianzar o léxico dos usuarios divertíndose e competindo. Seguro que se lle poderá tirar un bo aproveitamento nas aulas.
Pode descargarse xa en todos os dispositivos móbiles de Android e iOS.
E, se cadra, o mellor pode estar nestas declaracións de Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, na presentación do recurso: «Non é o primeiro proxecto que desenvolvemos nesta liña, pero si que é probablemente o máis ambicioso, e esperamos darlle continuidade contra finais deste ano nunha grande olimpíada da lingua galega».