Xogamos ao enforcado?
AG.- O xogo do enforcado (ou aforcado) é un deses clásicos que antes ou despois acaba tendo o seu oco nas nosas aulas. As máis das veces, para encher ocos ou tempos mortos. Con todo, convenientemente dirixido, é unha gran ferramenta para traballarmos, en diferentes etapas, de forma dinámica, a ortografía ou a ampliación de vocabulario, por exemplo.
A mágoa é que en galego, ata onde eu sei, non dispoñemos de moitas opcións para xogar en liña. No seu momento, podiamos tirar do «Aforcado de San Xoán», desenvolto desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mais xa non é posible ao quedar obsoleto o soporte Flash Player.
Quédanos o consolo de atopar «O xogo do enforcado» entre os pasatempos de ogalego.eu, esa xoia desenvolta por Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra que, a pesar dos anos, mantén a súa plena vixencia.
En portugués, podemos xogar aquí; en castelán, aquí; e en inglés, aquí.
Para cando un sitio actualizado con recursos lúdicos deste tipo en galego?