Pingas de Lingua

AG.- Non debería faltar en Aulas Galegas a referencia ao proxecto Pingas de Lingua, que leva na rede desde o 2016. Creado por Eva Rosa López Villanueva céntrase na práctica, amena e dinámica, de contidos gramaticais de Lingua Galega en liña. As actividades están organizadas segundo o nivel de dificultade, combinan texto, imaxes, audios e vídeos. O percorrido por elas resulta, ademais, moi doado e intuitivo.

Pingas de Lingua estrutúrase en 4 apartados:

  • Gramática. Ofrece diferentes actividades (de completar, relacionar, clasificar…) para o traballo dos contidos habituais: xénero, número, te/che, colocación dos pronomes ou conxugación verbal.
  • En imaxes. Incídese nas mesmas cuestións anteriores, pero con outra metodoloxía. Os exercicios son totalmente visuais e están baseados en imaxes reais: viñetas, memes, carteis publicitarios…
  • Cacha o erro. Cómpre detectar os erros (gramaticais e léxicos) nas imaxes achegadas xornais, memes, chistes, anuncios publicitarios, páxinas web… e corrixilos.
  • Popurrí. Recolle diversos contidos, desde unha serie de actividades elaboradas coa aplicación Learningapps, a unha completa guía didáctica.

Sempre está ben repescar recursos coma estes.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *