Xalundes: xogos de rol en galego
AG.- Sabido é que o xogo nos permite desenvolver varias capacidades e habilidades durante as súas dinámicas. Neste sentido, os xogos de rol abren unha chea de posibilidades: incrementan a creatividade, fortalecen a linguaxe e a capacidade de comunicación, potencian as habilidades sociais, fomentan o traballo en equipo, melloran a capacidade de análise e de resolución de problemas…
Para nos iniciar no mundo do xogo de rol nada mellor que Xalundes, o repositorio online do rol en galego de recente creación. Na súa web podemos atopar tanto recursos para as partidas como creacións de rol en galego. Nas súas palabras: «O noso obxectivo é atopar, reunir e compartir co mundo todo o rol en galego posible».
Paga a pena fedellar polas súas propostas. Por exemplo:
Princesas Disney no espazo exterior! é unha ambientación que leva as Princesas Disney a unha loita contra o patriarcado a través da Galaxia.
Entrevista castrapo é un xogo de rol en solitario onde interpretarás a unha neofalante enfrontándose a unha entrevista de traballo para unha gran industria galega.
As Crónicas de Gáidil é un xogo de rol de fantasía castrexa con sistema propio e construido sobre a historia antiga e medieval e o folclore de Galicia. Obra pioneira dos xogos de rol en galego!
Breathless – DRS é a traducción do DRS (documento de regras do sistema) do xogo Breathless, un xogo de terror e supervivencia onde xogades como Supervivintes tratando de mantervos vivos nunha cidade amurallada chea de zombis.