Logaliza: adiviña a comarca!
AG.- Inspirado no exitoso Worldle, acaba de nacer un novo xogo en liña: Logaliza, un pasatempo para adiviñar comarcas galegas. Como explican aquí os seus creadores de Estreleira, partiron do código dispoñible en https://worldle.teuteuf.fr/ e substituíron a base de datos orixinal por outra de comarcas galegas. Logo, acrecentaron unhas pistas referidas á historia e costumes das diferentes bisbarras.
O mecanismo é semellante ao Worldle. En lugar da silueta do mapa da comarca aparece unha imaxe representativa da zona. O xogador/a dispón de catro intentos. Se hai unha resposta errada, o xogo ofrece pistas, como a distancia en km ata a comarca correcta e a dirección na que está. Cando se acerta, ofrécese información adicional. Ah! E un só xogo por día!
Unha magnífica iniciativa que axuda a promover, de forma lúdica, o coñecemento da nosa cultura e da nosa xeografía.