Instrucións para ler este libro

AG.- Lorena Domínguez Mallo, profesora de Lingua galega e literatura no IES de Brión envíanos esta lectura compartida.

ALONSO DIZ, Miguel Anxo. Instrucións para ler este libro. Ilustracións de Luz BELOSO. Xerais. 2022.

Un título misterioso abre este libro cheo de trasnos, mouras, lobishomes, biosbardos, nubeiros, cocas, meigas, a Santa Compaña e o Demo mesmo. Non era un desafío sinxelo engancharnos a
unha historia con todas estas criaturas e que a sentísemos próxima e moi grata de ler, mais o autor conségueo, sen dúbida.
Da man do humor e da imaxinación, convídasenos a asistir a unha xuntanza destes seres máxicos nalgún lugar do Berbés, en Vigo. Pretenden poñerse ao día sobre como lles van as cousas, e así,
ao xeito do mundo de Fantasía d’A historia interminable, vemos como criaturas e tradicións, hai non tanto tempo moi vivas entre nós, agonizan e ameazan con desaparecer. Porque, que sucedería se uns borrachos confundisen a Santa Compaña cunha despedida de solteiro?; e se o lobishome se embebedase e confesase a súa verdadeira natureza?; ou se o Demo decidise cursar estudos de venda?
Para saber a resposta a estas e outras cuestións, cómpre ler o libro. A diversión está asegurada, e aprendermos sobre tradición oral, tamén. O certo é que preguntándonos que lugar queda no mundo actual para eses seres e crenzas, preguntámonos tamén pola sostibilidade da cultura de noso.

Por outra banda, as ilustracións de Luz Beloso teñen a mesma riqueza e luminosidade do texto, unha historia poderosa que nos devolve a paixón por aquilo que xa case criamos esquecido.

Deixámosvos como aperitivo o booktrailer de animación creado tamén por Luz Beloso.

https://youtu.be/4uFSy07BCJQ

Ti tamén podes compartir con nós as túas lecturas. Envíanos a túa lectura compartida a aulasgalegas@gmail.com.


Un comentario en «Instrucións para ler este libro»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *