Ruletas educativas
AG.- Na práctica docente de moitos compañeiros e compañeiras, especialmente nas etapas máis temperás, é habitual traballar con ruletas educativas. Sabía da existencia da ruleta de Ikea e agora acabo de saber que Aldi comercializa outra de Mundo Diver. Ten boa pinta!
Cun mínimo de adaptación (pegatinas con letras, palabras, números ou debuxos) estas rodas convértense nunha ferramenta moi útil para xerar dinámicas participativas e lúdicas en calquera etapa. O docente pode aproveitalas, por exemplo, para:
- Facer un sorteo.
- Elixir entre varias actividades ou exercicios.
- Xestionar preguntas.
- Chamar diferentes alumnos e alumnas ao chou.
- Escoller aleatoriamente a letra no xogo do Tutti Frutti.
- Etc.
Claro que tamén hai a opción de xerar ruletas dixitais personalizadas en xeradores de Internet. Hai varias posibilidades: classtools.net, flippity.net, recursos.tic… Este titorial amosa como crear ruletas virtuais nalgunhas desas webs. Aquí deixo dúas mostras ben básicas, feitas con classtools.net:
- A primeira, con tempos verbais, valería por exemplo, para facer un xogo na aula no que o alumnado debe dicir oracións usando correctamente o tempo indicado co verbo que se lle pida.
- A segunda, con operacións sinxelas de suma, resta, multiplicación e división, podería valer para facer na aula competicións de cálculo.
As posibilidades dependerán da nosa creatividade.