«Bota e rebota e cae na túa boca», unha xoia!
AG.- Remexendo en arquivos vellos do ordenador dei cun PDF que tiña case esquecido. Trátase de «Bota e rebota e cae na túa boca», unha guía práctica para fomentar o galego na área de Educación Física.
Este manual didáctico foi elaborado xa hai máis de dez anos por Nerea Couselo Fernández e Chus Caramés Agra, do colectivo Xandobela, para os mestres/as de Educación Física co obxectivo de que incorporen actividades de dinamización lingüística e de fomento do galego nas súas programacións didácticas.
Mais a verdade é que este proxecto, amplísimo e moi ben desenvolto, dá para irmos moito máis alá do ámbito da Educación Física. Sen ir máis lonxe, como docente de Lingua Galega, eu véxolle aplicacións para traballarmos, de forma oral e lúdica, os campos semánticos (as cores, o corpo…), as manifestacións da literatura popular (adiviñas, trabalinguas, recitativos), creación de textos (descrición de persoas, relatos…) e moito máis.
O mellor, se cadra, é follealo devagar e descubrir como lle tirar proveito, mesmo en Secundaria. Aquí queda!