A oca das palabras
AG.- Por fin volvemos partillar cousiñas! Desta volta é Iris Gey López quen nos fai chegar esta dinámica: a oca das palabras. Pódese utilizar en diferentes niveis educativos segundo compliquemos as clases de palabras con conxuncións ou mesmo con sintaxe (dicir unha coordinada copulativa, subordinada adxectiva…).
Necesitaremos:
1. Tarxetas das cores das casas con exemplos e clases de palabras subliñadas. Deben ter por detrás a solución en pequeniño para que se poidan autocorrixir.
2. Dúas fichas (se non queremos facer grupos individuais, podemos facer parellas poñendo unha persoa douta no tema que acompañe outra con máis problemas, a modo de titora).
3 Un dado. Ao respecto, existen borradores con forma de dado que son xeniais para dardes como recompensas nesta clase de xogos; veñen en lote, son chulísimos e tamén baratos. Neste caso, quen gañe, pode quedar co seu propio dado (de xogaren en parellas, darémoslles outro ao final) e así, de paso, nunca escoitaremos iso de… “profe, é que non trouxen goma!” 🙂
A dinámica do xogo é sinxela: cando caian nas casas baleiras terán que dicir a que clase de palabra corresponde o termo subliñado na tarxeta que colleron; cando caian nas casas con instrucións… pois terán que saltar á pata coxa mentres din un pronome interrogativo, rapear un exemplo cun pronome persoal átono, cantar entoando demostrativos, facer burpees ou ir correndo ao taboleiro para escribir o que se lles pide.
A diversión está asegurada (ou, cando menos, non escoitaremos tanto iso de “PROFEEEE, NOOOON, CLASES DE PALABRAS NOOOOON!)