Aceptas o reto de Language Squad?
AG.- Language Squad é un sinxelo xogo de identificación de idiomas con mostras de audio e texto escrito. Está inspirado en The Great Language Game, proposta xa inactiva na arañeira creada por Lars Yencken. Como os seus creadores indican, ideouse para que poida ser xogado por persoas con discapacidade visual ou auditiva. Está en inglés, mais funcionamento non ten complicación:
Escolles a opción de nivel (principiante, doado, medio ou difícil). Logo comézase: ofrécese un audio nun idioma concreto e tres alternativas entre as que elixir. Se recoñeces a lingua, vas acumulando puntos. Mais cada erro costarache unha «vida» e só dispós de tres. A medida que avanzas, vai aumentando a dificultade porque se ofrecen máis idiomas para escoller. Coa opción «alphabet», a de texto escrito, o funcionamento é similar.
Máis de 90 linguas podes chegar a escoitar ou ler no xogo. Resulta máis ou menos sinxelo distinguir francés, alemán ou xaponés; con todo, a cousa ponse dura cando o que toca é elixir entre tamil, húngaro, tibetano, punjabí, xosa, esloveno ou kanarés. Uf! Aí entra en xogo non só o oído, senón tamén a intuición.
En fin, poucas formas máis lúdicas coñezo para nos achegar á realidade da diversidade lingüística. Fantástico e adictivo! A xogar! Cal será o teu récord?