AX(e)ITAR A LINGUA
A pasada semana, o día previo ao 8M, presentouse na Casa de Xoana Torres en Compostela a obra AX(e)ITAR A LINGUA. Axeitar ou axitar a lingua: orientacións para unha comunicación inclusiva no ensino da compañeira de Aulas Galegas, Montse Pena Presas, e de María Caamaño Rojo, un volume que debe estar nas mans de calquera profesora ou profesor, non só de lingua, senón de calquera materia, porque todos transmitimos os nosos coñecementos a través da lingua e todos temos a obriga de utilizala correctamente e de transmitir a través dela os valores de respecto e igualdade.
As dúas docentes e investigadoras ademais de nos facer propostas sobre a linguaxe inclusiva tamén nos convidan a unha reflexión profunda precisamente na nosa utilización non inocente das formas lingüísticas.
No vídeo podedes ver todo o acto de presentación da obra no que tamén estiveron na mesa, ademais das autoras, a presidenta da AS-PG, Patricia Varela e a secretaria de formación da CIG-Ensino, Ana Rodiño, na súa condición de ensinantes e responsables das entidades promotoras da edición.
Pódese consultar toda a noticia na páxina de CIG-ensino.