E agora… o Pensatermos!
AG.- Seguimos co fervedoiro dos xogos de palabras en liña. Desta volta, unha gran noticia! A Mesa pola Normalización Lingüística vén de lanzar o Pensatermos, un novo xogo, sinxelo e de balde, para enredarmos da nosa lingua. Como explican na súa páxina, é a versión galega do xogo catalán Pauralògic, unha idea de Jordi Palau desenvolta por Pere Orga para RodaMots que está arrasando en Cataluña.
Igual que sucedía no Wordle, só se ofrece un xogo por día. O mecanismo é doado.
NORMAS: Cómpre formar palabras coas letras que aparecen. As letras pódense repetir, mais a única obrigada é a do medio. As palabras deben ter polo menos 3 letras. Só se admiten infinitivos (non formas conxugadas) para os verbos. Admítense as formas masculina e feminina (non os plurais) para substantivos e adxectivos.
PUNTUACIÓN: As palabras de 3 letras dan 1 punto. As de 4 letras, 2 puntos. A partir de 5 letras, tantos puntos como letras ten a palabra.
Felicitacións á Mesa pola iniciativa.