E agora chegou o Worldle

AG.- No ronsel do exitoso Wordle, están a aparecer novos xogos en liña coa mesma filosofía de simplicidade e gratuidade. Un deles é o Worldle, que co xogo de palabras do nome (word ‘palabra’ / world ‘mundo’) xa amosa esa conexión da que falabamos.

Neste caso, o reto consiste en descubrir un país do mundo coa única pista da silueta do seu mapa. Só hai seis oportunidades para acertar. Se no primeiro intento erras, Worldle diche «por canto fallaches»; é dicir, indícache tanto a distancia en km como a dirección do país correcto. Con estas valiosas pistas, cómpre axustar a resposta ata dar no albo. Os cálculos poden facerse a ollo ou, se se quere, aproveitar Google Maps. Ah! E igual que sucedía co Wordle, só se ofrece un país por día.

De momento, anta onde sei, só conta con versión en inglés, polo que hai que dar os nomes dos países nese idioma. Con todo, iso non é obstáculo para que o xogo se estea a viralizar como ocorrera co seu antecesor.


Un comentario en «E agora chegou o Worldle»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *