A voltas cos dinosauros!

AG.- Na escola da profe Rosa Mouzo andan a voltas cos dinosauros e da man destes animais aproveitan para traballar a lóxico-matemática: clasificando, medindo e mercando!

A que soa xenial! Pois aquí vos deixamos a explicación e os materiais que comparte! Grazas, Rosa!

“Clasificamos ovos que nos apareceron na escola”

Para isto é necesario imprimir os ovos en catro cores diferentes e facer tres niños para acoller as futuras criaturas. Deste xeito, a rapazada darase conta que para facer os grupos non pode ser por cor, como fan de xeito inicial, xa que sobraría un, senón que se teñen que fixar nos círculos do interior para poder agrupar en grupos de tres.

ovos_dinosauros

“Medimos alimentos de dinosauros”

Despois de traballarmos os tipos de dinosauros segundo a súa alimentación, collemos un saquiño no que previamente introducimos tres alimentos que poderían comer distintos tipos de dinosauros. Só mediante o tacto, a rapazada ten que adiviñar de que se trata. Unha vez que resolveron o misterio, teñen que clasificar varias miniaturas segundo o seu tipo de alimentación: herbívoros (follas…), carnívoros (peixes…) e omnívoros (ovos…). Unha vez feita a clasificación, hai outra encomenda, que consiste en medir a lonxitude de cada un dos alimentos empregando unha medida non convencional: as regretas, rexistrando os resultados na folla que se achega. Cal é o máis longo? Cal o máis curto? Canto máis mide o máis longo que o máis curto…?

MedidasAlimentosDinosauros

“Mercamos dinosauros”

Algúns destes animais saíron á venda. Miramos cantos cartos temos no noso moedeiro e observamos os prezos para poder mercar algún deles. Cal podemos mercar? Canto nos sobra? Canto nos falta para mercar outro?

Agardamos que vos preste algunha destas propostas ou que poidades tirar algunha idea!

Mercar_Dinosauros_actividade


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *