Facemos un banco do tempo no noso centro educativo?
AG.- Desde as seccións de Economía e FOL propoñemos deixar a un lado os euros e xogar a intercambiar algo que sen dúbida ten moito valor: o tempo. A compañeira @AnxelesBarge deseñou esta sinxela infografía cos pasos para crear un banco do tempo no voso centro educativo, a partir dunha experiencia posta en marcha no curso 2020-2021 no IES Pobra do Caramiñal no marco da materia de Educación Financeira, impartida pola tamén compañeira de sección Raquel Doallo,
No banco do tempo pode participar alumnado e profesorado se así o desexades; o importante é intercambiar servizos para satisfacer demandas a partir da oferta de habilidades que cadaquén poña a disposición do banco do tempo, medindo en horas canto vale cada servizo para poder así facer intercambios xustos.
A experiencia do banco do tempo do IES Pobra do Caramiñal obtivo un accésit no certame Cooperativismo no Ensino 2021. Parabéns ao alumnado de Educación Financeira do IES, que agardamos que siga este curso co seu proxecto!