XXIII Encontros para a normalización lingüística

AG – O pasado xoves 4 de novembro celebráronse  no Consello da Cultura Galega, en Compostela, os “XXIII Encontros para a normalización lingüística” :

“Desde o berce: a transmisión interxeracional da lingua galega”

 O 25 e 26 de outubro de 2021 houbo difusión dos contidos gravados (premede aquí) e o 4 de novembro estivemos Cristina e eu ,Lorena, nestes encontros, representando a Aulas Galegas na parte de Educación Infantil, convidadas por Manuel Maseda.

Foi un encontro cargado de ilusión e entendemento cara á necesidade, cada vez máis notoria, dunha normalización lingüística na infancia, que neste momento se está perdendo a pasos de xigante.

Tanto Cris coma min, fixemos un repaso polos comezos de Aulas Galegas, como xurdiu, como nos organizamos e como traballamos dende a nosa sección.

Por suposto isto non sería posible se non fose pola marabillosa xente que temos canda nós, un grande equipo de mestras e mestres, que  crea e traballa arreo para lles poder ofrecer nas nosas escolas, materiais e experiencias en galego ás crianzas máis pequenas.

Na parte presencial, coordinadas por Bernardo Penabade,  xunto a Marta Santos do proxecto Semente, Cristina Llinares representante das Galiñas Azuis e Fernando Lacaci da Confederación de ANPAS Galegas partillamos  sobre este tema dende diferentes ámbitos da comunidade educativa.

Resaltamos a importancia da primeira infancia como base para que non se perda o uso da nosa lingua e que isto non é posible se o resto da comunidade educativa non se implica.

Metodoloxías e modelos son necesarios para ir criando en galego á rapazada, pero tamén é necesario dende a sociedade, creando vínculos entre familias e entre estas e as escolas.

Por suposto a administración tamén ten moito que dicir e aportar ao respecto, lexislando e apostando polo coidado da lingua na primeira infancia.

Tamén houbo tempo para partillar sobre crianza e tempo de lecer na nosa lingua.

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *