Darío Xohán Cabana

AG.- “Esta noite faleceu Darío Xohán Cabana, un dos grandes escritores da Galiza contemporánea, inmellorable tradutor da gran poesía italiana e occitana medieval e persoa comprometida co futuro da lingua galega e da propia Galiza”, así comunicaba a Fundación Rosalía o pasamento do autor aos 69 anos de idade.

Nado en Roás, Cospeito, en 1952, alí levou a Galván para que se desprazase en motocicleta no mundo real e a cabalo no mundo irreal. Para moitas de nós Galván en Saor é unha obra que nos acompañou no traballo e no tempo de lecer moitos anos. Que sería de nós sen este noso Galván?

Membro da RAG dede 2006, a institución homenaxéao no portaldaspalabras onde escoitamos a súa voz e tamén a de Manuel María (a quen substituíu na Academia).

Gran poeta; co seu Canta de cerca a morte fíxonos sentir a dor polo pasamento do pai e vivir con el ese proceso de reflexión e creación.

Tradutor inmellorable, en 1989 publicou a súa versión galega do Cancioneiro de Petrarca e en 1991 a d’A divina comedia de Dante, da que saíu unha nova versión en 2014 froito dun traballo de tres anos “continuo e obsesivo para traer ao galego os 14.000 versos hendecasílabos desta obra universal” segundo as súas palabras.

Con Darío Xohán Cabana marcha outro referente, outro mestre da cultura galega. Darío Xohán Cabana, Xabier Docampo e Agustín Fernández Paz foron partícipes doutro Rexurdimento, o de finais do século XX, souberon darlle á literatura galega o pulo que precisaba para brillar por si propia alén de a modernizar e facela un pouco máis universal.

Boa viaxe, Mestre, poeta, tradutor, narrador! Que o Graal o acompañe!!!


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *