Xeliña escribe e documéntase para cambiar o mundo

AG.- Non te amola! é a narración das realidades da vida vistas a través dos ollos inocentes mais tamén inconformistas e críticos dunha nena.

Estamos diante dunha colección de contos breves que a poeta Xela Arias escribe en torno aos trinta anos pero facéndose pasar por unha nena de nove, segundo confesa no primeiro parágrafo do texto: Agora na primavera fixen nove anos. Son moitos para non procurar nada de proveito na vida, así que vou escribir un libro. Talvez escribir un libro poida parecer unha causa ben inútil (son tamén palabras de Xela no último capítulo desta mesma obra) pero, como tamén di, o inútil ten sentido.

A nosa inconformista e crítica poeta descobre que as leis están mal e cómpre arranxalas, é aquí onde a nena -alter ego da poeta- devén feminista: para unha nena non é xusto ter que agardar aos dezaoito anos para facerse legalmente adulta, porque se fai muller moito antes, cara aos trece, ou por aí. Así que hai que reclamar a maioría de idade feminina aos trece anos. Cantas máis voltas lle dou máis claro o teño: este tempo que me falta para ser muller teño que ocupalo en conseguir que a lei sexa xusta. Deste xeito remata o libro: Se eu tratando das miñas cousas descubrín un fallo legal… ¡Teño que convencer a todos de que escriban de si mesmos! ¿Que milleiros de fallos non daremos descuberto entre todos? E así despois poderemos arranxalos, que se non… ¡E cambiar o mundo!… para isto tamén serven os libros.

Xela ponlle o punto e final ao libro para documentarse e preparar un texto que o explique todo moi ben e que convenza para cambiar as cousas. Agora tócanos tomar a remuda: tamén nós podemos escribir sobre as nosas vivencias pasadas e presentes e atopar algunha das moitas realidades que cómpre cambiar. Detectemos posibles eivas, preparemos un texto argumentativo (oral ou escrito) para defender as nosas propostas e para convencer delas a outros porque a través das palabras podemos mellorar o mundo.


Lecturas_compartidas

Docente de profesión e bibliotecario por devoción

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *