Proxecto larpeir@s

AG.- Queredes animar as clases nestes tempos de preocupación? O tema da gastronomía nunca falla. Propoñémosvos desde a área de Lingua Galega e Literatura un pequeno proxecto que consiste en que o alumnado escolla un tipo de restaurante, elabore a súa carta e confeccione un dos pratos como manualidade. A idea é da profesora Lorena Carrasco.

Velaí a proposta desenvolta:

Sesión I:

  1. Chuvia de ideas sobre os tipos de restaurantes.
  2. Posta en común coa presentación ‘Tipos de restaurantes’.

Sesión II:

  1. En gran grupo vemos a foto dalgúns pratos de ‘Bolboretas no Bandullo’ e intentamos adiviñar os seus nomes. Nesta presentación atoparedes as imaxes e os seus nomes.
  2. Realizamos unha ficha para fixar ou repasar este vocabulario.

Sesións III, IV e V:

  1. O alumnado escolle un tipo de restaurante, ponlle un nome e elabora unha carta. Podedes atopar modelos editables en Canva ou usar presentacións e documentos descargables da rede en múltiples formatos. Nesta ligazón hai varios exemplos.

Sesión VI:

  1. O alumnado escolle un dos pratos do seu menú, cobre esta ficha e debuxa o prato para que poidamos fornecerlle os materiais que vai precisar para elaborar o prato como manualidade.

Sesión VII:

  1. O alumnado realizará a manualidade e presentará o resultado final.

Sesión VIII:

  1. O alumnado realiza un anuncio televisivo do seu restaurante e representarao teatralmente na aula.

Contádenos que tal vos foi, se levades á práctica estas actividades. Bo proveito, larpeir@s!


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *