A NENA DO VESTIDO DE FLORES
AG.- Dania Vitoria é unha nena de 11 anos que vai ao cole, fai teatro, encántalle a lectura… mais ten algo que a fai moi especial, é unha nena Asperger polo que non coñece a ironía nin as dobreces, nin en comportamentos nin en palabras; non lle gusta a escuridade (literal nin simbólica) xa que fai que se sinta moi insegura.
Manuel Fontemoura, nesta a súa primeira obra narrativa, fai que Dania Vitoria nos namore desde as primeiras liñas desta inclusiva novela. A nena do vestido de flores, Dania Vitoria, quere vivir a mesma vida que a de calquera outra adolescente da súa idade mais moitos dos seus veciños non a comprenden nin senten empatía polas crianzas TEA.
Esta novela é unha novela entretida, divertida, tenra e ao tempo denuncia o rexeitamento que sofren as nenas e os nenos TEA; provoca o noso enfado e conmove os nosos corazonciños; de seguro que ides adorar a Dania Vitoria, a súa familia e os seus compañeiros de teatro; convídovos a vos emocionar ao coñecerdes a súa historia.
Teatro e lectura teñen valores sandadores, promoven a empatía ao facernos sentir na pel dos personaxes, suxírovos que escollades un dos capítulos da novela de Dania, que o adaptedes en diálogo e que llelo representedes aos vosos compañeiros e compañeiras para que todos e todas poidan sentirse na pel de Dania Vitoria e visibilicedes así (como Manuel Fontemoura) todos e todas as nenas Asperger que nos rodean.
Feliz representación.