O mapamundi das xeografías poéticas
AG.- Nestes incertos tempos de viaxes limitadas, confinamentos e peches perimetrais aproveitemos para vivir a liberdade que nos oferta a lírica.
A poesía non admite nin distanciamentos nin fronteiras e para mostra esta mínima escolma na que facemos un pequeno periplo para coñercermos que pensan do seu oficio distintos poetas, de Carballo a Xapón, de Guinea Ecuatorial a USA.
(Preme na portada para acceder á publicación)
Neste ano de xeografías lectoras convidámosvos a bosquexar un novo mapamundi, máis aló do físico ou do político, o mapamundi das xeografías poéticas: podedes comezar situando nun mapa os 21 enclaves que vos presentamos e tamén podedes colaborar connosco engadindo novos destinos. Buscade noutras terras poetas que non aparecen recollidos nesta crestomatía, localizade algún texto onde fagan declaración da súa ideoloxía poética, veredes que o mundo está cheo de poesía e que inoculármonos co ARN lírico pode resultar unha boa vacina para vencer as desacougantes realidades que estamos a vivir porque como dixo (en verso) Ramón de Campoamor: neste mundo todo é segundo a cor / do cristal con que se mira.
Feliz 21 de marzo, día da Poesía!
-.-