De baúis, tesouros e bibliotecas

AG.- “… cal era o Libro dos Libros?… En todos os países e en todas as culturas… existía un texto antigo e reverenciado ao que a xente lle outorgaba a condición de ser o Libro por antonomasia. Cada pobo dáballe un nome diferente, pero todos crían estar ante o único e verdadeiro Libro dos Libros… O que os facía únicos era o feito de seren realmente importantes e insubstituíbles para quen os podían ler.
… todos estiveron de acordo en que ningún lugar había mellor para dirimir a confusión que a biblioteca, o lugar onde vivían todos os libros…
… Grazas a ela [Beatriz] a biblioteca do cole convertérase nunha verdadeira biblioteca… Antes era un cuarto tristeiro onde os libros eran abandonados ata quedar completamente no esquecemento.
… Beatriz era profe de Literatura, que era para ela outra forma de estar moi preto dos libros. Nas clases, contáballes as historias que neles viñan escritas. Faláballes dos seus autores e do tempo en que viviran. Na biblioteca, mostráballelos, acariñábaos… Tamén facían festas, obras de teatro, charlas en que se falaba dos libros que a cada un máis lle gustaran, charlas ás que acudía algún escritor… a biblioteca deixara de ser un espazo do que ninguén se lembraba. De ser un cuarto pechado do colexio pasara a converterse no corazón do mesmo.
Cando un tiña que citarse era frecuente que o fixese na biblio. Ningún lugar mellor para atoparse que aquel onde todo se podía atopar, todo. Tamén todas e cada unha das modalidades de Libros dos Libros que a humanidade fora establecendo ao longo da historia.
… Rapidamente, empezaron a aparecer libros sacados dos seus respectivos lugares e depositados sobre as mesas de lectura. Os nenos recollían aqueles volumes, abríanos ao chou e mergullábanse nas súas páxinas como quen busca un tesouro…
… Lamentablemente aquela biblioteca non podía contar con todos os libros do mundo. Pero ese gran soño de todo bibliotecario tamén era posible doutro xeito. Así que Beatriz dirixiuse ao ordenador, tecleou unhas palabras…. e, de súpeto, un gran dicionario que non tiña papel e cuxas páxinas parecían chegar dos máis remotos confíns do mundo… foi materializándose ante os seus ollos….”
Xosé A. NEIRA CRUZ, O enigma do baúl pechado, Galaxia, Vigo, 2020, pp. 91-100

Os protagonistas desta novela necesitan atopar un versículo para poder abrir un misterioso baúl recollido dun vertedoiro. E un dos lugares que visitan para atopar esas palabras-chave que fagan visible o contido do baúl é a biblioteca da súa escola onde buscarán o Libro dos Libros. Vai tamén ti á túa biblioteca escolar e busca nela o Libro dos Libros: cal é para ti o Libro dos Libros? , escribe un breve relato ou prepara unha breve exposición oral sobre el, sobre os seus autores e a súa época histórica.
O baúl do que estamos a falar resulta enigmático. Son múltiples as lendas nas que aparecen baúis que agochan misterios que cómpre desvelar. Busca na rede algunha destas lendas e divúlgaa entre os teus compañeiros.
Consideras a biblioteca do teu centro un baúl que agocha tesouros?: redacta un texto argumentando a túa opinión.
Que a forza das palabras te acompañe!


Lecturas_compartidas

Docente de profesión e bibliotecario por devoción

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *