Día de Rosalía 2021 #rdc_2021 Manifesto

AG.- A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro. Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esa entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas.

Para a edición de 2021 Anna R. Figueiredo é a escritora escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 27 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumaron ás propostas que a entidade remitiu a concellos, asociacións e centros de ensino.

Reproducimos deseguido o manifesto publicado na páxina da AELG.

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2021

Miña Santiña, miña santasa, miña cariña de calabasa: hei de emprestarvos os meus pendentes, hei de emprestarvos o meu collar. Todo iso che hei de dar, santa, se me deixas bailar, todo iso. As fotos do instagram, os vídeos en directo, o streaming das voces, os reels e o youtube. Todo iso, santiña, che empresto se me deixas bailar, se me deixas tirar o pano, abrir a boca, bicar, apertar, atopar, ir á festa, danzarlle ao punto… miña santasa coa cariña linda de calabasa, déixame ser que este mundo hoxe moito ten daquel Santiago do 53 co cólera nas rúas baleiras e as necesidades daquela volven nas almas, santa, volven e precisamos do teu falar.

E ti dis que aquele. Que calme. Disque teño que buscar o xeito de atoparlle fondo e fin a esta noite que me asombra sen día, que en todo está i que é todo. E dis, sacha no campo, malla na eira, lava no río, vai apañar toxiños secos antr’o pinar. Queda na casa, pecha os postigos, foxe da xente, descansa ren, pensa naquelas, nas devanceiras que por ti porfiaron perante a inxusta lei.

Que hoxe son elas quen piden vida, e levas no bico a súa voz. O seu acto. O seu sangue. A súa forza. O seu sentir. O país enteiro cabe nun ferrado de terra de Ortoño, Padrón, Compostela, Bastavales, Muxía, Moaña, Londres, Berlín … todas esas voces nosas que se espallan na diáspora do país e do mundo, que desexan volver a este mar, a esta Galicia á que ti lle cantabas ás beiras de cada río que mirabas como o Sar.

Non habías ficar silente. Non te habían calar. Na túa liberdade hoxe serían os teus poemas os que definisen a nova normalidade, se tal cousa pode ser. Aínda hoxe saberías dar forma a como sentimos e encarnala no poema. Aínda hoxe andarías a escribir artigos nos xornais ou na procura da crítica social a un sistema abusivo. A nós, que permanecemos nesta terra, só nos queda ser e alzar a voz de Rosalía de Castro. Reivindicarte, traerte, engarzarte na gorxa e que se impregne dos teus ritmos avanzados e visionarios para reconstruír o futuro dun pobo.

Neste momento de incerteza, pode ser a ciencia a que nos faga pensar que todo cambio parte dun punto de partida da ruptura do equilibrio. Sexa entón unha oportunidade. Sexa o día do teu aniversario a primeira canción, a esperanza, a resiliencia toda. Sexa o día do teu aniversario o día no que Dios santo premita qu’aquestes cantares d’alivio vos sirvan nos vosos pesares.

Ser Rosalía é un acto de rebeldía, é unha acción política. Cada mirar nos ollos fire coma cen saetas. Non precisamos máis, só mirar. Quen mira a obra de Rosalía entende a muller de vangarda que hai detrás dela, a insubmisa, a creadora do pensamento, a inconformista, a muller valente que elixe a palabra para loitar contra a inxustiza e para crear un país sublime. Ser Rosalía é ollar cara a unha nova normalidade na que só podemos avanzar.

Ás miñas costas as palabras que me falaron de ti, Rosalía. Da túa multiplicidade poética, dos teus cantos de independencia e liberdade, do país debuxado na túa mente que respira ventos de liberdade, da fiestra aberta que redefine a historia na que contan as mulleres, que é contada polas mulleres, do manifesto do poema en vixencia do século XIX ao XXI do errar polo mundo das galegas e galegos todos. Manifestos de quen falou antes de min e falou ben, manifestos aos que me uno na pregaria, miña santiña, de que hoxe e sempre atopes acubillo no noso cantar.

Miña santasa, meniña gaiteira, cantadora do mar, necesidade do rexurdimento unha vez máis desta nación túa na procura constante da xustiza. Heiche de dar os pendentes por que me deixes bailar.

Te-lo teo, rapaciña.

Teño, santa, non o nego.

Teño o teo de seguir ergueita, cara adiante, na túa lembranza e no teu camiño. Na forza da túa modernidade, na forza da defensa das que nos precisan. Na construción da identidade. No cantar que nos libera, consolo dos mares, alivio das penas. No baile. Na voz.

No xeito de nunca nós calar. Así hoxe no teu aniversario, habémoste cantar, Rosalía.

Cantarte hei, Galicia,

teus dulces cantares,

que así mo pediron

na beira do mare.

Cantarte hei, Galicia,

na lengua gallega,

consolo dos males,

alivio das penas.

                                                                                              Anna R. Figueiredo

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

#rdc_2021  #TeusDocesCantares


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *