Está o suxeito só no mundo?
AG.- Propoñémosvos a lectura deste texto extraído do libro Le Monde comme volonté et comme représentation de Schopenhauer. Debemos destacar que é un texto de 1818 e canta actualizade hai no debate que presenta. Propoñémosvos que deixedes os vosos comentarios en “deixa unha resposta”.
“O mundo é a miña representación; esta proposición é unha verdade para todo
ser que vive e coñece, aínda que só o ser humano pode ter conciencia dela;
en canto chega a coñecela, pode dicirse que espertou nel o sentido
filosófico. Cando o ser humano coñece esta verdade, terá a clara certeza de
que non coñece nin un sol nin unha terra, senón unicamente un ollo que ve o
sol e unha man que toca a terra; en poucas palabras, saberá que o mundo que
o rodea non existe máis que como representación. (…)
Quen coñece todo, sen ser coñecido, é o suxeito. En consecuencia, o suxeito
é o substrato do mundo, a condición invariable, sempre sobreentendida de
calquera fenómeno, de calquera obxecto; pois todo o que existe, existe só
para o suxeito. Este suxeito, cada quen atópao en si mesmo (…). O noso
propio corpo é xa un obxecto e, en consecuencia, merece o nome de
representación. En efecto, é só un obxecto entre outros obxectos, e está
sometido ás mesmas leis que aqueles; é só un obxecto inmediato. Como
calquera obxecto de intuición, está sometido ás condicións formais do
pensamento, o tempo e o espazo; de alí nace a pluralidade.”
Está o suxeito só no mundo?
Pode ser o suxeito froito dunha casualidade? En que medida é o corpo un obxecto?