A metamorfose do Santo dos Croques en peregrino

AG.- No principio había unha estatua pétrea, a estatua estaba de xeonllos ao pé do parteluz do Pórtico da Gloria, a tradición di que a estatua é o Mestre Mateo, autor desta grande obra… mais un día a estatua fíxose carne e botouse ao camiño e vímolo de peregrino en Samos, en Portomarín, en Lugo, en Vilar de Donas, na mesma Compostela… Os corpos e forzas de seguridade, desacougados, andaron tralas súas pegadas e o día do Apóstolo do último ano xubilar do século XX as estatuas orixinais do mestre Mateo e dos seus compañeiros de peregrinación: o anxo trompeteiro e o monstro con pezuños de cabalo e corpo peludo volveron habitar no Pórtico da Gloria que recuperou o seu completo fulgor.

Velaquí a historia que recrea Pepe Carballude en De como o Santo dos Croques se fai peregrino (Hércules de Ediciones, A Coruña, 2020, 123 pp.) Recuperación de todo un clásico da LIX, recoñecido co premio Barco de Vapor 2002, lectura moi acaída para este novo ano xubilar compostelán.

Como dicimos no título, estamos diante dunha obra que presenta unha transformación: unha escultura de pedra convértese en peregrino. Non é un caso único, na literatura de todos os tempos recóllense historias similares, son as chamadas metamorfoses (helenismo que significa cambio, transformación) Fai unha pequena investigación e cita, explicando con brevidade, algunhas outras metamorfoses famosas.

“Nunha revisión practicada onte na catedral de Santiago de Compostela polos corpos e forzas de seguridade do Estado con motivo da próxima visita das súas maxestades os Reis para faceren a ofrenda ó Apóstolo, membros da Brigada do Patrimonio Histórico, alertados por unha chamada anónima que denunciaba o caso, descubriron que a figura orante do mestre Mateo, sita ó pé do parteluz, fora suplantada por unha réplica case perfecta. Proseguindo despois coa verificación total das outras imaxes, comprobouse tamén a substitución do anxo trompeteiro do arco dereito do Pórtico da Gloria. Así mesmo desapareceu sen deixar nada no sitio unha das figuras da arquivolta do arco dereito, en concreto o monstro con pezuños de cabalo e o corpo cuberto de pelo que ten collidas entre os dentes as mans doutras figuras. Aínda que as investigacións se levan a cabo dentro do máis absoluto secretismo, son moitos os interrogantes que se abren ante un feito tan insólito. Estará detrás a trama dun atentado terrorista? Ou tratarase máis ben da acción desalmada dun maniático coleccionista de obras de arte? Tanto as autoridades relixiosas como civís non descartan nada e seguen con preocupación calquera nova”. (páx. 50)

Seguro que se non cho advirten pensarías que o texto anterior é o corpo da nova dun xornal. Ponlle un título e unha entrada.

Como sabes, as novas pertencen aos textos informativos. Outras tipoloxías textuais son as narracións, as descricións, os diálogos… Explica estes outros tipos de textos a partir de exemplos obtidos da lectura desta novela.


Lecturas_compartidas

Docente de profesión e bibliotecario por devoción

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *