Brekout de magnitudes e a súa medida

AG.- Lorena del Palacio comparte con AG un Breakout Edu sobre as magnitudes e a súa medida que traballou co alumnado da materia de Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional, pero que podería tamén levarse a cabo co alumnado de Física e Química de 2º da ESO (aínda que quizais nalgunha proba necesitasen algunha axudiña extra).

 O obxectivo do Breakout é conseguir un código final que se chama ‘código do exame’ porque se utilizou como repaso previo ao exame e no que, para acceder á proba, tiñan que achegar o devandito código. Esta clave final é un número de 6 cifras e cada unha das cifras é obtida por cada un dos alumnos (pode facerse  con 6 equipos nunha clase e cada un  ten que achegar unha das cifras do código final)

O xogo comeza coa primeira proba, que consiste en escribir as 7 magnitudes fundamentais a partir dun conxunto de letras desordenadas.

Ao final da proba teñen que formar unha frase trasladando as letras correspondentes segundo o número que hai dentro dos cadriños e que se corresponden con outros cadriños numerados situados onde tiñan que ir escribindo as magnitudes (ver solución). Esta frase daralles a pista para atopar a segunda proba.

Nesta proba atópanse cunha táboa con 9 celas, en cada unha das cales hai escrita unha fracción e unha palabra; tal e como se indica nas instrucións que hai por debaixo da táboa, deben riscar as fraccións que NON son factores de conversión. Deste xeito, quedarán se riscar varias celas que conteñen cadansúa palabra; o conxunto destas palabras dan a clave para responder á pregunta final da proba ‘Onde se atopan?’, o que levará o alumnado ata o lugar onde está a proba 3.

Nesta proba teñen que resolver 3 exercicios e descifrar unha clave de 3 cifras que obterán seguindo as instrucións proporcionadas en cada exercicio. Esta clave deben introducila no seguinte candado dixital para obter a pista que os leva ata a proba 4.

Esta proba consiste nun encrucillado no que teñen que colocar as unidades no Sistema Internacional de cada unha das magnitudes fundamentais; colocadas na orde axeitada forman unha palabra clave que axuda a responder a pregunta clave e que os levará a descubrir onde se atopa a proba 5.

Nesta ocasión, o alumnado ten que decidir se unha serie de afirmacións son verdadeiras ou falsas; cada unha das respostas está vinculada a un número que ao final deben sumar para obter, cada un deles, unha cifra do código final, tal e como se indica debaixo de cada proba.

A medida que rematan esta proba, cada equipo debe facer unha posta en común dos resultados para construír, no taboleiro, o código do exame.

Proba 1_Palabras desordenadas_7 magnitudes

Proba 5_VouF para código final


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *