OS NOSOS BOSQUES
AG.- Colaboración de Patricia Pena Barbeito.
Ao longo da miña traxectoria como bibliotecaria observei o gusto da rapazada por estes libros de procura de imaxes que lles permiten achegarse a eles coma se un xogo se tratase. Son uns dos máis demandados e tamén dos que antes se estragan. Un libro roto de tanto tocalo é unha alegría para unha biblioteca, por suposto que hai que coidalos e mimalos (non serei eu a que diga o contrario) pero os libros son obxectos delicados e se, de tanto andar con eles, se danan pois… benvidos sexan os libros rotos!
Á maneira de Buscando a Wally vai esta obra publicada pola Sociedade Cooperativa Galega Miudiño: Os nosos bosques. Nela retrátanse os montes galegos no seu esplendor: aparecen animais e plantas das fragas, das devesas, dos soutos… miméticos coa natureza e cos que os lectores/as terán que interactuar se queren atopalos nunhas fermosísimas e realistas acuarelas. Aprender vocabulario da fauna e flora autóctona nunca foi tan divertido. Había tempo que non me atopaba cun libro tan bonito e coidado na nosa lingua. É delicado e educa na imaxe, é especial.
A nosa proposta é que elaboredes unha ilustración semellante a esta onde haxa que buscar animais e plantas da contorna. Achegádevos armados de lapis e papel a unha fraga, a un río, a un prado… Sentádevos, observade, comezade a debuxar e agochade cantos animais e plantas queirades. Despois volvede plasmalos na parte inferior do folio xunto co seu nome. Finalmente, compartídeo.
Este libro pode ser un bo punto de partida para aprender vocabulario e para iniciarse na ilustración científica e naturalista. Non esquezades preguntarlles aos avós ou avoas polos nomes do que recollestes e, se vos acompañan, xa sería fantástico porque seguro que descubriredes especies e palabras que non coñeciades ademais de gozar da compañía. Gozade tamén da observación da paisaxe que vos rodea e aprendede a querela, a ela e aos seus nomes galegos que se foron transmitindo de xeración en xeración. Ademais seguro que descubrides que non en todos os lugares de Galicia estas plantas e animais se chaman igual, esta é a grande riqueza da nosa lingua. O outono, coas súas follas secas de mil cores, pode ser un momento perfecto para pintar.
Que libro tan bonito e que ilustración tan doce, faise moi curto. Tratádeo con agarimo!