Unha estrela para Amina de Celia Díaz Núñez

AG.- Amina é unha nena refuxiada que vive nun centro de detención de migrantes nalgún punto do planeta, o seu fogar é unha tenda de campaña e está rodeada de arames que limitan o seu espazo vital; este é o escenario que Celía Díaz deseña para a súa obra de teatro “Unha estrela para Amina”.

O diálogo entre a protagonista Amina e a súa boneca Sally nárranos unha historia desgarradora e ao tempo moi tenra, ambas preséntannos un seu mundo cruento, a fuxida do país, as longas camiñadas, o medo, os anseios de libredade… para Amina non hai xogos, nin escola nin risas, só unha roupa que é máis grande ca ela e unha boneca como única amiga.

A través do diálogo entre ambas, nena e boneca, a autora amósanos os soños de Amina, a súa vida, a súa soidade e fainos sentir na pel todas as historias de nenos e nenas do mundo que se moven coas súas familias errantes polo mundo, desarraigados fuxindo dos conflitos armados, da fame e da morte.

Unha fermosa obra de teatro que permite aos lectores ou ao público da obra teatral sentir empatía coas personaxes, sentir canda elas desexos e sentimentos; unha obriña de fácil lectura e doada representación, que inclúe cancións infantís de todo o mundo e que serve tamén para falarnos de diversidade lingüística e de linguas minoradas en moitas zonas do mundo: a lingua yoruba, a lingua iqbo, o nahual, o lingala, a lingua balanta…

A maiores da que vos fai a autora no libro (entrar nas ligazóns web e escoitar as cancións) facémosvos unha dobre proposta “lectora ou interpretativa” a partir desta pequena peza teatral: proporlles aos compañeiros e compañeiras da aula realizar unha lectura dramatizada da obra a primeira e a segunda crear un mapa e situar no nel os países onde se falan as linguas das cancións que inclúe a peza.

E non esquezades que hai moitas Aminas do mundo que precisan que ollemos para elas, que as visibilicemos.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *