A lavandeira de San Simón de Eva Mejuto e Bea Gregores.

AG.- Colaboración de Gracia Santórum.

Supón unha boa nova o feito de que a editorial Xerais comece unha nova colección en formato de álbum ilustrado denominada “Pequena memoria” polo que significa: dar importancia al formato álbum e a importancia da lembranza, da memoria histórica; sen esta memoria nada somos. O primeiro título que temos é A lavandeira de San Simón, con texto de Eva Mejuto e ilustracións de Bea Gregores.

A lavandeira de San Simón lévanos a retroceder na historia, a uns momentos terribles que o noso país sufriu non hai tanto tempo. A mulleres solidarias, a crueldades innecesarias, a represións, castigos e asasinatos impunes amparados pola lei da ditadura. Esa que non admitía opinións contrarias.

A illa de San Simón representa unha parte da nosa historia importantísima que se tratou de agochar. É hora de lembrar que supuxo, é hora de non esquecer que unha illa pode converterse nun inferno se o ser humano así o desexa. Pero tamén é hora de lembrar que houbo persoas dispostas a tentar evitar un sufrimento terrible, cando menos, a palialo na medida do posible.

Ben, estamos a falar da Illa de San Simón. Procúraa nun mapa de Galiza. Sabías onde está? Agora, búscaa con “Google maps” e obsérvaa. Ten casas? Isto é porque vive xente nela? Cres que é doada a vida nunha illa?

A illa de San Simón foi empregada de diferentes xeitos. Por exemplo, serviu de “lazareto”: que significa isto? Procura información sobre este tema.

Se les este libro, verás que no momento do que se fala é un momento importante na nosa historia recente. Como cres que puido ser a vida alí? Paréceche doado fuxir dunha illa nadando? Volve mirar o mapa: non hai moita distancia ata a costa: por que a xente non fuxía con facilidade de alí? Intenta explicarte isto.

Sabes que é un “campo de concentración”? Tes oído falar deles? Se é así, onde os situarías? Cres que en España houbo “campos de exterminio? Procura información sobre este tema.

Cres que por pensar diferente debemos ser castigados? Cal é diferenza entre ditadura e democracia?

O bo deste tipo de libros é que nos sirvan para reflexionar para entender todo o  bo que temos e tamén para lembrar que non debemos perdelo. Por iso, debemos escoitar os discursos do noso arredor para loitar polo dereito a decidir e non deixarnos enganar por falsidades agochadas.

Lecturas das que gozar e coas que aprender. Verdade que é unha marabilla?

Enlace á páxina Web: A lavandeira de San Simón.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *