CARABELA de Paula Carballeira
AG.- Colaboración de Patricia Pena.
Paula Carballeira relata nesta peza de teatro editada por Árbore/Galaxia un dos maiores dramas que está a vivir a nosa sociedade en canto ao medio ambiente se refire: a degradación do mar.
Emocionante é esta obra que transcorre nunha illa de lixo onde a protagonista chegou despois do naufraxio do seu barco. Alí, na súa soidade, Carabela constrúe de residuos unha nena de plástico coa que fala, coa que canta e coa que conta. Na compaña desta curiosa nena e rodeada de personaxes cun marcado carácter emocional a historia vaise narrando de forma vertixinosa, con sobresaltos incluídos.
Ás veces inquietante, outras divertida, a peza mantente enganchada e en vilo ata o final. Non me estraña nada vindo de quen vén porque se tes escoitado a Paula Carballeira nalgunha sesión de conta contos saberás que ás veces dá medo, bastante medo! e outras veces dá risa, moita risa! Recoméndovola!
E ti? Se tiveses un naufraxio e quedases nunha illa de lixo como sería a túa Nena? Busca pola casa e, co que teñas, constrúe unha boneca de refugallo para contarlle e cantarlle. Ten que ser un neno ou nena porque, como di a autora no prólogo: “Armei un corpo, cos seus brazos, as súas pernas, os seus pés, unha fermosa cabeza, uns ollos de cristal, e fixen unha nena. Unha Nena de Plástico. Non podía ser doutra maneira. Aquí hai plástico de sobra e todo o mundo sabe que quen mellor escoitan os contos son os nenos e as nenas”
Aínda máis, se queres saber se o relato de Paula está baseado na realidade ou non acende o ordenador e pon no teu buscador de Internet: “illa de plástico”, verás que atopas. Dá tamén algo de medo, non si?
Aproveitamos para felicitar a escritora galega e a Asesoría de Bibliotecas Escolares polo seu recente nomeamento aos premios Astrid Lindgren Memorial Award. Parabéns e moita sorte!