Día das librarías (Venres 13 de Novembro)

AG.- O vindeiro venres celebraremos o Día Internacional das Librarías que se vén celebrando desde o ano 2011 e que consiste nunha xornada de portas abertas para que visitemos os nosos libreiros e libreiras e eses seus espazos máxicos onde nos ofrecen miles de libros variados que de seguro nos farán soñar con novos mundos e voar a través dos seus lugares; as nosas librarías son comercios de proximidade, o libreiro e a libreira son os nosos veciños que desexan encher a nosa vida de palabras e de cores, de olores e sabores impresos só con abrir e mercar un libro.

En Pontevedra temos a grande sorte de contar cunhas librerías marabillosas, algunhas delas especializadas según gustos e afeccións do lector, polo que a súa oferta é moi ampla e cun trato amable e personalizado. O curso pasado a nosa rapazada de 4º de ESO traballou man a man cos libreiros e libreiras coa fin de coñecer máis a fondo o seu traballo, deseñaron un roteiro das librerías de Pontevedra, entrevistaron in situ a libreiros e libreiras, fixeron vídeos das librarías e concluíron satisfeitos e satisfeitas deste traballo que lles permitiu pór en valor esta profesión e os seus locais.

A nosa proposta para celebrar estes día é que deseñedes un roteiro coas librarías do voso pobo ou cidade para visibilizalas e animar os vosos veciños e veciñas a visitalas nesta xornada de portas abertas.

(Déixovos un modelo na imaxe destacada deste post. E non vos esquezades de pasar por calquera delas e mercar algún libriño… ou dous…).


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *