Mochilator!
AG.- Ola a todas e a todos!
Xa estamos de volta! Esperamos que tivésedes un verán fabuloso e que na volta á escola vaia todo estupendo!
A nosa primeira entrada deste curso 2020-2021 ten que ver coa organización. Este ano, pola covid-19, non podemos compartir cousas e seguro que tedes que levar o material todos os días ao colexio. Pois ben, non queremos que a nosa cativada de 1º e 2º esqueza materiais importantes na casa! E xa temos novas dalgún esquecemento que outro: a merenda, o estoxo coas cores, o libro de Inglés, o caderno de Mates… Ahhh, esa cabeciña tola!
Así que deseñamos un póster para colgar na neveira, no cuarto ou no voso lugar de estudo. Podedes imprimir o modelo e plastificalo, ou ser creativas e creativos e facer a vosa propia versión. Todo vale! Logo recortade e plastificade tamén as iconas dos materiais que teñen que ir na mochila. Deixamos uns cadros baleiros de máis por se queredes debuxar algo que precisedes. Podedes poñerlle por detrás algunha substancia que pegue para despegar segundo sexa convinte.
Logo, toca coller o voso horario e ver as materias que tedes para o seguinte día e ir sesión por sesión pegando no póster o necesario. Cando rematedes, non estaría de máis botarlle unha segunda ollada, revisando co horario. Non esquezades o “neceser covid-19”. Por último, coa axuda do “Mochilator” hai que gardar na mochila de verdade. Os primeiros días, podedes pedirlle axuda aos maiores, pero nuns días xa é TODO asunto voso. Que non se diga!
Saudiños para toda a comunidade!
Arancha&Pepa