Enigmas [VI]: Os reloxos de Breguet

AG.- Hoxe regresamos en Enredos á nosa serie de enigmas, para lle dar á cabeciña, tanto maiores como rapazada. Toca buscar unha solución imaxinativa!

Os reloxos de Breguet

Abraham-Louis Breguet (1747-1823) é considerado o mellor reloxeiro de todos os tempos. Aínda que naceu en Suíza, desde novo viviu en París. A sona da súa mestría facendo reloxos axiña chegou ata a corte; de feito, toda a nobreza parisiense quería fachendear de posuír un Breguet.

Nos convulsos meses previos á Revolución Francesa, o reloxeiro ía recibir un dos encargos máis difíciles da súa vida. A excéntrica raíña María Antonieta convidouno a unha das súas célebres festas no palacio de Versalles.

—Estimado Breguet —falou a raíña, ante todos os asistentes—, quero que me fagas o reloxo máis luxoso e complexo de cantos fabricaches ata hoxe. Con todo, antes quero que me respondas esta pregunta: cal é o reloxo con menor número de partes móbiles?

—A resposta é doada maxestade —dixo Breguet—, trátase do reloxo de sol, que non ten ningún elemento móbil, só unha agulla vertical que marca coa súa sombra o movemento aparente do sol.

—Moi ben. Agora unha segunda pregunta: cal é o reloxo con maior número de partes móbiles?

Breguet quedou cavilando uns intres ata que deu coa resposta correcta.

Meses despois, o reloxeiro xa tiña rematado o encargo de María Antonieta, mais esta, decapitada na guillotina, nunca chegaría a recibilo.

En todo caso, cal era a resposta á súa segunda pregunta: cal é o reloxo con maior número de partes móbiles?

Solución ao enigma «O presente de Lewis Carrol» (18-6-20)
Trátase dun libro. Posiblemente o manuscrito de Phantasmagoria (un longo poema dividido en sete cantos e publicado en 1869). As «finas películas» son as follas e as «marcas» son o texto.

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará