Para as que somos “Vampiras de Biblioteca”

AG.- Colaboración de Patricia Pena.

O 24 de outubro é o Día das Bibliotecas e, para recordar estes fermosos lugares, que mellor que unha lectura da escritora Ledicia Costas que leva por título “Vampira de Biblioteca” da Editorial Xerais? Está recomendada para lectores e lectoras de máis de nove anos (aínda que, como xa sabedes, as lecturas non teñen idade) e as ilustracións son de Víctor Rivas.

Eleanora é unha nena vampira que vive na biblioteca de Coímbra acompañada de 330 morcegos, dous deles son os seus axudantes nesta incrible aventura: “Xa” e “Mon”. Pero Eleanora (como todas as protagonistas que crea Ledicia) non é unha vampira ao uso. O seu aspecto é diferente e os seus gustos culinarios xa non digamos!

Así comeza o capítulo 5: “Cravei os meus cairos na primeira folla do libro e empecei a succionar con forza, como se fose unha aspiradora que anda baixo a túa cama pescando calcetíns, mondas de plátano, envoltorios de caramelos e todo o que atopa ao seu paso. Sentín como ían entrando as palabras na miña boca coa forza dun tornado. Que ganas de papalas todas!”

Xa ides pillando que é o que lle gusta chuchar a Eleonora, non? Propoñémosvos que vos imaxínedes na vosa biblioteca favorita: na que tedes ao lado da casa, na do cole ou nunha ben lonxe. Hainas de moitos tipos e algunhas son verdadeiras obras de arte tanto polo seu mobiliario como polo que conteñen. Outras son máis modernas, versátiles e acolledoras. Hainas onde reina o silencio; outras están cheas de vida e alí xúntase a xente para compartir ideas… Moito levan cambiado as bibliotecas nos últimos anos pero o que nunca cambia é que son lugares máxicos.

Non coñecedes ningunha? Pois ide, bulide, aínda estades a tempo e ao mellor anda por alí Eleonora, quen sabe. Si que coñecedes algunha? Pois entó pechade os ollos e imaxinádevos dentro: a que libro lle chantariades os cairos para facervos con todas as súas palabras?

Ledicia Costas volveuno a conseguir, creou unha novela fresca, de prosa lixeira pero non sinxela, con trazos de humor e momentos para as emocións, unha novela que pode formular debates actuais e que ten como protagonistas a persoas pouco convencionais. Zúgalle esas letras, vale a pena.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *