“Flores no soto” ( O paraíso dos inocentes. Antón Riveiro Coello).
AG.- Vimos de comezar o curso escolar preocupados pola Covid (o distanciamento, o xel, o papel, entradas e saídas reguladas…) e desde Lecturas Compartidas queremos volver a ollada a outros nenos e nenas coma vós que non posúen unha escola física á cal voltar, grazas a pequenos fragmentos da novela premiada co Torrente Ballester O paraíso dos inocentes de Antón Riveiro Coello. Nesta entrada quero falarvos deses nenos e nenas sirios que coma vós queren volver á escola, eses que coma Karim (un dos protagonistas deste relato) quedaron sen familia nun bombardeo, nenos sós no medio dos edificios destruídos e das balas. Riveiro Coello amósanos a crueza desta guerra que destrúe todo, que forza aos homes e mulleres, ás familias, a fuxir dos seus fogares, do seu país, da súa cultura narrado a través dunha fermosa narración na que Karim ten un importante papel.
Os nenos orfos da guerra de Siria son “flores no soto no que se ubica a súa escola”, lede: “ Sara recrea un fermoso conto para lles acentuar a imaxinación aos nenos e abstraelos dos tremores do edificio (…) Os nenos quéntanse ao redor dunha estufa e absorben a historia con ansiedade e cun delicioso asombro, mentres as bombas destrúen os edificios e as vidas (…)”
Relátanos Simón, o responsable dos nenos: “ Liscaron moitos profesores e non podemos pagar os salarios. Antes era máis doado. Moitos universitarios facíano gratis, por conciencia coa revolución e porque veren rir estes nenos entre tanto sufrimento xa era bastante recompensa”
Propóñovos que lendo a historia de Karim relativicedes todos os atrancos que está a supoñer a nosa volta ás aulas, voltade a mirada e pensade nestas palabras de Sara, reporteira gráfica, outra protagonista desta fermosa historia sobre “humanidade”: “ O mundo está saturado de información sobre Siria e apenas somos datos e unha mancha no mapa da historia”.
A miña proposta hoxe é recomendarvos a lectura desta novela coral de Riveiro Coello, que vos informedes na rede arredor deste conflito tan cruento e que o visibilicedes na vosa aula cunha imaxe (que ben podía ter tomada Sara), porque o que non se visibiliza non existe, e esta guerra e os seus refuxiados e refuxiadas existen. Neste comezo de curso… dádelles voz e imaxe…